Digo Diego : ” As institucións só toman en serio a artistas como Rafael ou Enrique Iglesias “

Inicia a nosa viaxe a través da música dun mozo compostelán que actualmente estuda Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela.  A pesares de darse a coñecer fai preto de oito anos como Darko polo nome da súa pandilla de amigos de por aquel entón ( Os Darks), Diego Prado rematou por ser bautizado artisticamente como Digo Diego por Binnie Crint, artista tamén compostelán co que comparte grupo: Sistema Compostela.
Influenciado pola música rap que lle ensinou o seu irmán e un coñecido cando era un neno, Digo Diego define a súa música como unha mestura de rap e Rythm and Blues pero máis aló do estrictamente musical o que verdadeiramente define o seu estilo é esa transparencia tan aplaudida dentro da cultura Hip Hop: “adopto temáticas sociais aínda que me centro máis nas miñas vivencias personais. Adoito escribir sobre os meus demos internos, aínda que se me ergo co pé esquerdo gústame darlle caña a certas imposicións sociais ou politicas que me dan noxo”.

No videoclip de ” Desconexión ” Digo Diego plasma o seu rexeitamento á sociedade actual.
Con máis de catro anos subíndose a escenarios tanto en Santiago como noutras cidades ( Madrid, Vigo, A Coruña, Mallorca, etc.), Diego subliña que non ten ningunha queixa para dar concertos na súa Compostela natal; cidade na que coñeceu a artistas que hoxe en día son os mellores desde o seu punto de vista: ” para min os mellores son J. Odt, Binnie Crint e El Soed e seguro que algún se me queda no tinteiro “.
En canto a traballos o artista compostelán conta con dúas maquetas: unha de fai varios anos e Out, publicada entre o ano 2014 e o pasado 2015. Por outra banda, a relación persoal co resto de artista de rap na capital galega resúltalle bastante positiva, aínda que con matices: ” coñecémonos dende fai anos. Do mesmo xeito que non nos levamos cos que non simpatizamos, levámonos moi ben cos que conectamos” .

” Detrás de ti ” con Binnie Crint trata algo tan humano como o remordimento.
Non tería sentido falar do rap máis underground de Compostela sen preguntarlle pola súa cidade: ” da miña cidade gústame a cultura que ten, as poucas pelexas e o bo ambiente que hai pola noite.  A zona vella está viva, con constante arte e os seus bares míticos non deixan de funcionar pero non me gusta a influencia que ten a Igrexa na xente maior desta cidade “.

 

” O rap de aquí non é tan kinki como o resto de España, aínda que a nova xeracion vai  cambiar iso ”

 

No relativo á oferta musical de Santiago Digo Diego afirma que a ve en auxe agora mesmo por locais como o Camalea ou a Sala Moon, pois segundo él ofrecen unha grande variedade de concertos de diferentes estilos. Pero non todo son palabras bonitas. Ó preguntarlle sobre propostas que faría para mellorar o panorama rapeiro local Digo Diego ten as cousas ben claras: ” unha atena que bloqueara o rap kinki que vén de fóra”. Como poden apreciar Diego non ten pelos na lingua e menos se tocamos o tema político: ” as institucións locais só toman en serio a artistas como Rafael ou Enrique Iglesias ” .
O caso de Diego é curioso: ex – trompetista da banda de Calo, ex – alumno do Conservatorio de Música de Santiago de Compostela e actualmente membro da promotora de rap Digital Hustlers. Toda unha variedade de experiencias que probablemente influiron nalgúns dos seus pensamentos relativos á música: ” o MC é o 30 % dunha canción. Para min o produtor é o máis importante e o Dj é un grande complemento que salva moitos temas e totalmente imprescindible nos directos ” .
Ó preguntarlle sobre o estilo do rap compostelán en comparación co resto de España, Digo Diego sinala que ” é tan diverso que xa hai propias diferencias na cidade. O rap de aquí non é tan kinki como no resto de España, aínda que me temo que a nova xeración vai cambiar iso ” .

 

” As redes sociais cárganse todo, non só o rap”

 Tras tantos anos dándose a coñecer, Diego non dubida dos seus seguidores tanto composteláns como galegos ou de fóra de Galicia: ” teño un público fiel ó que non lle gusta aparentar e que me escoita porque se identifica. Non vendo fume nin presumo de nada nas miñas cancións, falo do meu  interior. Ó escoitarme pódeste identificar, non estás vendo un produto musical superficial “.
 En ” Mitty ” o artista compostelán fala da guerra entre o seu lado pesimista e paranoico co seu lado racional.
Por último, despois de comentarnos o seu gusto por grupos da old school santiaguesa como Palapeña e Malandrómeda, Digo Diego remata a entrevista sinalando que ” as redes sociais cárganse todo, non só o rap. Difunden moito a música pero a día de hoxe iso conleva a que cancións pésimas, simplemente polas reproduccións, fagan que vivan da música cantantes que non o merecen. “ Segundo él, a consecuencia de todo isto é que ” o creador teña que comer ósos na sucia rúa ” e o problema principal do rap local é que non está o suficientemente presente nos medios: ” só difunden a unha persoa, sempre a mesma ” .
Agora que xa collimos algo de impulso, toca seguir adiante coa expedición. Imos aló.

Deixar un comentario